CRTVG

Buscar

Falece o condutor dun camión que estoupou ao colidir contra outro en Barreiros

Publicado o 11/03/2020 18:09

O condutor dun camión que transportaba combustible faleceu nun accidente que se produciu á primeira hora desta tarde na Autovía do Cantábrico (A-8), á altura do municipio lucense de Barreiros, ao chocar o vehículo que conducía con outro transporte de mercadorías e estoupar. Segundo os primeiros indicios, o camión que transportaba combustible chocou contra o outro vehículo pesado, envorcou e estoupou, o cal orixinou un incendio e unha gran fumareda negra que obrigou a cortar o tráfico en ambos os sentidos da circulación.

No tocante ao condutor do outro camión, o 112 informa de que estaba “liberado e accesible”, pero o persoal do servizo de urxencias sanitarias continúa traballando no punto e, de momento, non transcenderon máis datos sobre o seu estado de saúde. O accidente produciuse sobre as catro da tarde no quilómetro 527 da autovía, á altura da localidade de Celeiro de Mariñaos, onde aínda seguen traballando os servizos de emerxencias para auxiliar as vítimas e restablecer a circulación.

Emerxencias confirmou a Efe que nestes momentos xa está aberto un dos carrís en sentido Asturias. No referente ao incendio, xa está controlado, e, segundo informa o 112, non hai perigo para a poboación, aínda que inicialmente o lume alcanzou un monte próximo. Para responder a esta emerxencia, o 112 mobilizou ao 061, aos Bombeiros de Barreiros e Vilalba, ao GES de Cervo, a Protección Civil de Barreiros e a persoal de mantemento da autovía.