CRTVG

Buscar

Un millón dúascentas mil persoas maniféstanse en Chile no oitavo día de protestas contra a desigualdade social

Publicado o 26/10/2019 14:12

O estoupido social por un Chile máis equitativo suscitou a marcha máis grande que se recorda no país desde as mobilizacións contra a ditadura de Pinochet.

Arredor dun millón dúascentas mil persoas percorreron as rúas da capital para reclamar mellores salarios e pensións, e prezos xustos para a luz, o gas, a educación e a saúde.

Os manifestantes mostraron a súa indignación contra o goberno pola represión e os excesos presuntamente cometidos polas forzas da orde, acusadas de homicidios e violencia sexual nesta semana de protestas.

O presidente obviou as peticións de que dimita, e comprometeuse nun chío por un Chile máis xusto.

Ao final da manifestación interviñeron os antidisturbios e a maioría da xente marchou rapidamente para a casa antes de que empezase a oitava noite de toque de queda. Nese momento, entrou en xogo o vandalismo. Un grupo de encarapuchados prendeu lume a unha entrada de metro, mentres outro asaltaba un supermercado.

Desde que empezaron as protestas houbo 19 mortos, 600 feridos e 6.000 detidos.

Noticias web

26/10/2019