CRTVG

Buscar

Un millón de euros do Carlos III para unha investigación galega dun fármaco contra o ictus

Publicado o 11/12/2019 15:05

Unha parte importante das graves secuelas que poden derivarse dun ictus débese á liberación descontrolada de glutamato no cerebro, unha substancia necesaria pero que en niveis elevados dana as neuronas ata provocar a súa morte. O obxectivo desta investigación é desenvolver un fármaco que bloquee eses graves efectos.

O investigador do IDIS e responsable do proxecto, Francisco Campos, explica que o composto é unha transaminasa que metaboliza o glutamato de forma que se elimina o efecto tóxico. A gran vantaxe desta transaminasa, engade "é que é unha enzima que xa temos no corpo, o que facemos é aumentar os seus niveis mediante un fármaco esóxeno".

Tras oito anos de investigación, pensan xa na translación dos beneficios aos pacientes. Así o ve tamén o Instituto de Saúde Carlos III, que lles acaba de conceder financiamento dun millón de euros para os vindeiros catro anos. Con eses cartos o que queren é realizar estudos rigorosos que confirmen a non toxicidade do medicamento, sufragar a súa fabricación e finalmente, cara a finais de 2023, iniciar os ensaios clínicos con pacientes.

Outro salto cualitativo é a rápida resposta que permitiría o novo medicamento, porque podería administrarse xa na propia ambulancia, un tempo que no caso do ictus é vital. Por iso confían en que, de aquí a catro anos, o capital privado, pouco amigo do risco, decida investir neste prometedor proxecto.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/12/2019