CRTVG

Buscar

Un Lugo moi serio mantén o seu idilio no Anxo Carro

Publicado o 23/01/2021 21:18

Derrotou con solvencia o Tenerife con goles de Cristian Herrera e Hugo Rama

Lugo 2-0 Tenerife

Os números do Lugo de Nafti no Anxo Carro seguen abraiando. 18 puntos de 24 posibles e só un gol recibido nos oito partidos que se disputaron a carón do Miño. Se Nafti di que o Lugo non ofrece espectáculo, non lle falta razón, pero diante do Tenerife realizou un partido completo en todos os aspectos diante dun rival chegaba en forma, con tres vitorias consecutivas.

A mellor xogada colectiva do Lugo traduciuse no 1-0, aos 12 minutos. Participan Canella e Juanpe e o que define é Cristian Herrera, o seu primeiro tanto en liga. Decisivo o pasado ano con 12 goles que axudaron á permanencia, o canario completou unha volta enteira sen marcar.

O Lugo defendeuse sen agobios e en ataque buscaba o xogo directo con Manu Barreiro. Houbo que agardar só 9 minutos na segunda parte para ver o segundo. Hugo Rama, que ten maxia a balón parado, golpeou unha falta lateral que acabou bicando diractamente a rede da meta de Dani Hernández. Houbo suspense pola posición de Manu Barreiro, que non chega a tocar o balón. O gol subiu ao marcador. O cuarto de Rama, o máis certeiro no Lugo.

Coa desvantaxe dobre viuse ao Tenerife máis incisivo. Jorge Padilla golpeou pegado ao pau da porta de Ander Cantero e, xa contra o final, unha acción na que participan dous exbranquivermellos, Fran Sol, asistindo, e Joselu, rematando, non atopa o premio do gol.

Sen excesivas agonías mantivo a vantaxe o Lugo, que recibiu a boa nova da reaparición do Puma, logo de case dous meses sen xogar por lesións. Foi a culminación a un día perfecto, que eleva o Lugo por riba da barreira dos 30 puntos.

 

Noticias web

23/01/2021