CRTVG

Buscar

Un laboratorio de Lugo crea un equipo portátil para probas de saliva para diagnosticar a covid-19

Publicado o 06/11/2020 14:47

Un hisopo para tomar a mostra de saliva e dous tubos con diferentes reactivos compoñen o sistema deseñado pola empresa AMSlab para diagnosticar a covid-19. Podería facelo mesmo o propio paciente, e tras quentar a mostra a cor do líquido diríanos se é positivo ou non.

"Estamos deseñando un calefactor que permita introducir os tubos e quentalos á temperatura axeitada. Permite non usar os equipos de laboratorio habituais, o que significa que podemos facer a PCR fóra do laboratorio, cun equipo mínimo, e detectar visualmente o virus baseándonos na cor", explica Manuel Lolo, xerente de AMSlab.

Non se precisa dun laboratorio nin de persoal sanitario específico e os resultados estarían listos en pouco máis de 30 minutos.

"É moi interesante para sitios cunha gran concentración de persoas, como centros de saúde, empresas, residencias ou mesmo colexios. Cun custo mínimo podemos facela onde queiramos e de xeito periódico", explica Manuel Lolo, xerente de AMSlab.

O prototipo, pendente agora de validación, podería saír ao mercado cun prezo que rozaría os 30 euros.

Noticias web

06/11/2020