CRTVG

Buscar

Un incendio destrúe unha casa abandonada en Lugo, situada preto dunha gardería

Publicado o 03/07/2019 14:06

Un incendio destruíu por completo unha vivenda da cidade de Lugo. O lume iniciouse contra as seis da mañá nesta casa unifamiliar da rúa San Xillao. Rapidamente desprazouse ata alí a Policía Local, que cortou a rúa, e tamén dous camións de bombeiros, pero as lapas propagáronse moi rápido polo interior da casa, que tiña parte da estrutura de madeira e o teito derrubouse.

A casa levaba anos baleira e nela comezaron a residir dende hai uns tres anos ocupantes ilegais. O seu propietario denunciou o caso nos xulgados, pero a presenza de okupas foi constante. Nos últimos días alguén alertou ao dono de que a casa estaba completamente aberta e de que os ocupantes ilegais estaban supostamente realugándoa, polo que se achegou ata a zona e volveu a pechar todo con cadeas e cadeados.

A vivenda incendiada está xusto ao lado dunha escola infantil municipal, que se viu afectada pola intensa fumareda que saía da casa. As traballadoras do centro deron o aviso e técnicos de riscos decidiron finalmente o seu peche para que o fume e o intenso cheiro non afectase os cativos de curta idade.
O problema da presenza de ocupantes ilegais non é novo en Lugo e repítese noutros moitos puntos, coma no barrio da Milagrosa ou nas Gándaras. Ademais, na cidade hai moitas casas baleiras completamente tapiadas para evitar a incursión de persoas sen teito e ocupantes ilegais.

 

Noticias web

03/07/2019