CRTVG

Buscar

Un incendio destrúe a planta baixa dunha casa de Castroverde

Publicado o 09/12/2019 13:24

Un incendio reduciu a cinza a planta baixa dunha casa de Castroverde. O lume iniciouse a primeira hora da noite. Foi un condutor que pasaba pola estrada quen alertou os servizos de emerxencia. A sorte foi que no momento do incendio non había ninguén na vivenda, xa que os seus propietarios úsana como segunda residencia, ao vivir fóra do municipio.

José Manuel López, sarxento dos bombeiros de Sarria, explica que "ao chegar alí vimos que se trataba dunha vivenda de duas plantas deshabitada e estaba ardendo a planta inferior onde había material acumulado, como táboas, madeira".

Foi a acumulación desa madeira a que favoreceu a propagación das lapas. A rápida intervención do GES de Becerreá e dos bombeiros de Sarria permitiu controlar o lume e salvar a planta de arriba do inmoble. Ao lugar desprazáronse ata cinco camións de extinción.

Así o explicaba José Manuel López: "Ese material, ao ter unha carga de combustión alta, deu lugar a que o lume se estendera e calcinara a planta baixa. Extinguimos o lume na parte inferior, refrixeramos os puntos quentes e ventilamos toda a edificación".

De momento, descoñécense as causas do incendio. A Garda Civil xa abriu unha investigación.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/12/2019