CRTVG

Buscar

Un home rouba nunha xoiaría en Santiago e leva 30.000 euros en ouro

Publicado o 27/12/2019 12:52

A Policía Nacional busca un home que levou 35 cadeas de ouro dunha xoiaría de Santiago. O ladrón aproveitou un descoido do dono da tenda para fuxir a correr co botín, en pleno día, coa tenda chea de clientes e en pleno centro de Compostela. O delincuente está indentificado. Dúas clientas que estaban no interior recoñecérono. 

Eliseo Páramo, o propietario da xoiaría, segue traballando atendendo o negocio horas despois do roubo. Conta que a plena luz do día un home de entre 25 e 30 anos, de complexión delgada, cabelo moreno e pouca estatura entrou na xoiería. Nese momento había varias persoas no interior e estaba a ensinar unhas sorellas a dúas clientas.

"Pediume cordóns de ouro, ensineille unha manta. Probou un e púxoo no pescozo e dixo, quero outro máis groso. Entón cambiamos e cando me dei de conta pegoulle un tirón a manta, e outro cliente que estaba aquí, que é un policía local xubilado, fíxolle a cambadela e el deulle unha trompada nun ollo e marchou lesionado ao hospital", explica.

O sobriño de Eliseo, que estaba na tenda, saíu a correr detrás do ladrón pero non conseguiu collelo. Fuxiu en dirección á zona norte da cidade e ao seu paso pola rúa Algalia de Abaixo caeulle unha das cadeas roubadas, taxada en 900 euros. Un veciño atopouna e devolveulla ao coñecer o sobriño que acaba de pasar.

"As clientas que estaban aquí coñecíano, fórono indentificar á comisaría. Había, calculo, de 28 a 30 cordóns de ouro de 60 centímetros de longo. Uns máis grosos e outros máis delgados, levoume a manta completa. Só quedou o que perdeu no traxecto. Eu calculei de 25 a 35.000 euros" afirma o xoieiro.

Eliseo di que é a primeira vez que o rouban en 42 anos. Xa presentou unha denuncia e ata o establecemento desprazáronse efectivos do Corpo Nacional de Policía, da Comisaría de Santiago, que solicitaron o acceso ás cámaras de seguridade para tratar de identificar, localizar e deter o ladrón.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/12/2019