CRTVG

Buscar

Un home estafa 37.000 euros a unha muller aproveitándose do seu namoramento

Publicado o 27/10/2020 14:26

Coñecéronse en 2008 entre as catro paredes do hospital provincial de Conxo en Santiago de Compostela, onde traballaban como enfermeira e celador. Ambos tiñan 39 anos e o que comezou coma unha amizade foi gañando en intensidade, polo menos para ela, a través das conversas de WhatsApp, segundo reflicte a sentenza.

Malia que o auto considera que o acusado non alentou o sentimento de namoramento, ratifica que as mensaxes de WhatsApp alimentaron as expectativas dela.

O acusado, consciente de que a vítima contaba con certa solvencia económica, simulou estar arruinado e pasar por diversas dificultades económicas, de tal xeito que desde 2013 e ata xullo de 2015 conseguiu que a muller asumise gastos del por valor de 37.000 euros. Colonias, roupa, calzado, complementos, cartos en efectivo, entradas de concertos e ata unha moto.

Compras que levaron a vítima a gastar os 19.000 euros da súa conta bancaria, a pedir empréstitos e a botar man doutros 18.000 euros que tiña nunha conta compartida coa súa nai. Foi nese intre cando a famlia, consciente do sucedido, decide denunciar os feitos. Unha estafa por amor que na rúa non deixa indiferentes.

A vítima permanece en tratamento psicolóxico cun diagnóstico de trastorno da personalidade dependente. O acusado foi condenado a dous anos de cadea e a reintegrar os 37.000 euros, e outros 6.000 en concepto de danos morais á vítima.

Noticias web

27/10/2020