CRTVG

Buscar

Un home de Vila de Cruces, entre as dez persoas que morreron a fin de semana en accidentes de tráfico

Publicado o 17/02/2020 09:07

O sábado foi o día de maior sinistralidade, con seis mortos noutros tantos accidentes de circulación. Un dos que concluíu cunha vítima mortal foi este sinistro, no concello de Vila de Cruces.

"Foi unha colisión frontal. O vehículo do falecido viña para a zona urbana, e os do outro vehículo parece que eran xente de Arzúa, ían dous ocupantes no todoterreo", explica Susana Cea, de Protección Civil.

Na furgoneta viaxaban o home falecido e o seu fillo de 14 anos, que tivo que ser excarcerado polos bombeiros e foi trasladado, en estado grave pero consciente, ao Complexo Hospitalario de Santiago.

Foi un dos dez accidentes mortais cos que concluíu a fin de semana nas estradas españolas. Entre os falecidos hai un ciclista e tres motoristas, incluído o que perdeu a vida neste accidente en Madrid.

Aquí en Galicia rexistráronse outros accidentes de trafico menos graves, coma este en Teixeiro. Un turismo bateu contra unha rotonda e foise da estrada. Tras levar por diante un farol e parte dun valado publicitario, acabou envorcando nunha leira. O home tivo que ser excarcerado.

Noticias web

17/02/2020