CRTVG

Buscar

Un home de 87 anos en Aragón, quinto falecido por coronavirus

Publicado o 06/03/2020 10:52

• Sanidade confirma 345 casos en España

• A filla dunha vítima denuncia falta de información

Un home de 87 anos que estaba ingresado no hospital Nuestra Señora de Gracia de Zaragoza en estado grave tras dar positivo en coronavirus faleceu esta mañá no centro, segundo informou a Consellería de Sanidade.

A conselleira de Sanidade do Goberno aragonés, Pilar Ventura, informou deste falecemento nunha comparecencia parlamentaria nas Cortes para explicar os controis establecidos para o seguimento da enfermidade.

Sanidade confirma 345 casos de coronavirus en España

O Ministerio de Sanidade confirmou este venres 345 positivos por coronavirus en España, 82 máis que onte, na súa maioría casos importados, e que o número de falecidos ascende a cinco, á vez que descartou que se teñan que pechar todos os centros de maiores.

Son datos que achegou en conferencia de prensa o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, tras a reunión do Comité de Seguimento do Coronavirus, que mantén a fase de contención no país, aínda que hai que analizar a evolución da situación día a día.

"Non hai ningún criterio agora mesmo para cambiar o escenario, pero si é certo que a nivel global está a estenderse e hai que ser cada vez máis coidadosos", dixo Simón, que indicou que se están analizando as medidas, que entre outras cousas, perseguen protexer ás poboacións de risco e controlar as entradas masivas doutras zonas de risco.

"Se o conseguimos poderemos manter a situación, se non hai que valorar día a día se os criterios mantéñense", insistiu Simón, que trasladou as súas condolencias ás familias dos cinco falecidos con coronavirus en España, todos eles con patoloxías previas.

Hoxe coñecéronse as últimas dúas mortes por coronavirus, as de dous homes, un de 76 anos do Centro Municipal de Maiores da localidade madrileña de Valdemoro e outro de 87 anos que estaba ingresado no hospital Nuestra Señora de Gracia de Zaragoza.

Os dous falecementos súmanse ao de onte dunha muller de 99 anos na residencia de Maiores da Paz, en Madrid, a outro coñecido o mércores en Biscaia, e ao primeiro que se fixo público e que tivo lugar o pasado 13 de febreiro, en Valencia.

O feito de que dous dos falecidos estivesen en centros de maiores non é motivo para Sanidade como para tomar a medida de pechar este tipo de instalacións, senón que "as accións se teñen que tomar de acordo á situación específica de cada lugar".

Abundou en que "non hai que cambiar nin a vida social nin nada" e que só nalgunhas zonas concretas das comunidades en que hai algúns agrupamentos de casos que implican unha potencial infección tense que valorar a posibilidade de levar a cabo acciones cuxa eficacia estea constatada.

"Non podemos xeneralizar para todos os centros", indicou o experto. Recoñeceu que o incremento en 82 casos é "maior do habitual", pero tamén que a maior parte dese número se concentra na Comunidade de Madrid, que ten dous núcleos de transmisión ben identificados.

Simón indicou que España é o cuarto país europeo con máis positivos, pero que tamén é o cuarto en poboación; por diante estarían Francia, Alemaña e Italia.

Do total de casos, nove permanecen na UCI e de doce descoñécese a orixe do contaxio, dixo Simón, que tamén resaltou que pode chamar a atención os datos dos 29 contaxios da Rioxa, polo seu índice de poboación, pero dixo que están asociados a un "único evento de transmisión".

Tamén destacou o "incremento" na Comunidade Valenciana, vinculado a un único grupo de casos, ademais do da Comunidade de Madrid, que é a que ten máis contaxios, pero moitos dos cales "están xa por resolverse".