CRTVG

Buscar

Un grupo de rapaces de Lugo devolve 15.000 euros que atoparon nun bolso na rúa

Publicado o 28/10/2020 13:15

Foi nesta rúa do barrio de Abella onde dous rapaces de 12 e 13 anos atoparon un bolso que contiña 15.000 euros en efectivo cando saían do instituto. Moi nerviosos, avisaron outros compañeiros de máis idade para que estes chamarsen a policía, como así o fixeron. Mentres agardaban polos axentes, non volveron tocar o bolso por temor a que os cartos procedesen dalgún asunto delituoso. Unha conduta exemplar malia a tensión da situación.

"Tiñan un bolso con 15.000 euros dentro. Pedíronnos que chamásemos a policía porque non sabían que facer. Chamamos, esperamos a que chegasen os axentes e devolvemos todos os cartos".

"Andaba un coche pasando pola zona e chamamos por segunda vez a policía por se pasaba algo raro. Pero logo xa vimos que o bolso era dunha persoa maior e non nos preocupamos tanto. Estaban máis nerviosos os cativos".

Finalmente, e grazas á documentación que había no bolso, puideron localizar a propietaria dos cartos, unha octoxenaria que vive pola zona e que perdera o bolso cando saíu facer uns recados. Malia que nesta ocasión houbo un final feliz, dende a Policía Nacional lembran que é moi perigoso andar con tantos cartos en efectivo pola rúa e especialmente no caso das persoas maiores.

"Non é normal levar 15.000 euros, 2 millóns e medio das antigas pesetas. Temos suficientes medios como tarxetas, talóns ou transferencias que nos van protexer fronte a descoidos, coma neste caso, ou outros perigos".

Os menores aseguran que volverían facer o mesmo e que restan importancia ao acontecido dicindo que só cumpriron co seu deber de bos veciños.

Noticias web

28/10/2020