CRTVG

Buscar

Un grupo de investigadores pídelle á OMS que recoñeza que a covid-19 se contaxia polo aire

Publicado o 06/10/2020 17:13

Un grupo de investigadores norteamericano esíxelle á Organización Mundial da Saúde que diga, de forma rotunda, que a covid se contaxia polo aire.

E van máis aló: din que esa é unha das vías principais de transmisión do virus, e non só unha "posibilidade" como admite a OMS.

Nestes meses aprendemos ben o dano que poden facer as gotículas que emitimos ao falar ou ao tusir, e de aí a importancia de usar máscaras de protección e poñer distancia social para evitar contaxios.

Pero xunto a esas gotas exhálase unha nube de partículas máis pequenas, os aerosois, que, ao seren máis lixeiras, desprázanse máis lonxe e quedan en suspensión no aire durante máis tempo.

"Mantéñense no aire máis tempo e entón poden respiralas máis persoas" afirma Juan Gestal, catedrático emérito de Saúde Pública da USC.

A hipótese de que a covid-19 se trasmite por inhalación destes aerosois colle cada vez máis forza e, con ela, a necesidade de revisar as medidas de proteción implementadas ata agora.

Segundo Gestal, a ventilación ou a climatización con filtros HEPA para renovar o aire; e o uso de máscaras FFP2 en interiores son novos costumes aos que temos que afacernos.

Noticias web

06/10/2020