Sete positivos na comisaría de Vigo obriga a illar outros 30 policías

Arredor dunha trintena de axentes de Policía Nacional da comisaría de Vigo atópanse illados á espera de coñecer se quedaron afectados por un gromo de coronavirus, do que se confirmaron xa sete casos positivos.
Segundo confirmou o sindicato SUP, hai cinco axentes pertencentes á Unidade de Intervención, que estiveran traballando no aeroporto de Baraxas, e que deron positivo en covid-19, aos que se suman outros dous funcionarios das oficinas (positivos confirmados hai unha semana).
Ademais, outros 30 policías do grupo VIII da UIP de Vigo están illados á espera de saber se se contaxiaron, polo que o sindicato policial reclamou que se fagan probas PCR a todos os axentes da UIP "en cada saída e regreso" á comisaría.
Na área sanitaria de Vigo, segundo datos de Sanidade, hai actualmente 185 casos activos de coronavirus, dos que catro son pacientes hospitalizados (un no Álvaro Cunqueiro e tres no Hospital Povisa). O resto de pacientes recupéranse nos seus domicilios.