CRTVG

Buscar

Un gromo nunha residencia de Viana do Bolo suma 12 positivos, seis residentes e seis traballadores

Publicado o 23/10/2020 11:09
Un gromo nunha residencia de Viana do Bolo suma 12 positivos, seis residentes e seis traballadores

Un gromo na residencia de Viana do Bolo suma un total de 12 positivos, dos cales seis son persoas residentes e outras tantas persoas traballadoras, por mor dun positivo dun membro do cadro de persoal. Este concello ourensán situouse, segundo o mapa de alertas da Xunta, en nivel 1 por detectar entre 7 e 14 casos nos últimos sete días. 

O Concello de Viana do Bolo e a Fundación Valdegodos informaron de que, despois de detectarse un caso positivo en covid-19 nun traballador da residencia de maiores do municipio a finais da semana pasada, o Sergas realizou, nos últimos días, un "minucioso rastrexo" no centro. Os resultados das probas PCR realizadas arroxan a confirmación de tres novos positivos en tres traballadores e cinco residentes do centro. Xunto con isto, a residencia informou que durante a realización dun control interno por aparecer un positivo nun traballador, xa detectara outro caso positivo, que inicialmente foi illado dentro da residencia e que acabou ingresado no hospital comarcal do Barco de Valdeorras. 

Ademais, neste primeiro cribado apareceron outros dous traballadores contaxiados e o tres son asintomáticos e atópanse confinados nas súas casas. Tras comunicar esta información ás persoas afectadas e familiares, o Concello fixo público que hai un total de 12 persoas contaxiadas, seis residentes e seis traballadoras.

O Concello de Viana do Bolo quixo "alentar e confortar" os traballadores, residentes e á dirección do centro para que "sigan tomando medidas de illamento e desinfección", en aras de que non aparezan novos casos. Dirixiuse aos veciños para rogarlles que "implementen medidas de hixiene persoal e colectiva", así como a necesidade de "manter a debida separación" entre as persoas. Tamén instan a limitar ao máximo as reunións familiares e que non se realicen reunións sociais.