CRTVG

Buscar

Un galego, entre as 81 vítimas de abusos sexuais recoñecidas polos xesuítas en España dende 1927

Publicado o 21/01/2021 20:30
Un galego, entre as 81 vítimas de abusos sexuais recoñecidas polos xesuítas en España dende 1927

Un total de 81 menores, un deles en Galicia, foron vítimas de abusos por parte de 65 xesuítas de España entre 1927 e 2020 e a maioría dos casos producíronse en colexios, segundo un informe da Compañía de Xesús, que recolle non só abusos sexuais senón un rango amplo de condutas, desde a linguaxe impropia ou provocacións, aos tocamentos (a maior parte dos casos).

"Énchenos de dor, vergoña e pesar", asegurou o superior provincial da Compañía de Xesús en España, Antonio España, este xoves 21 de xaneiro en conferencia de prensa. "Queremos aprender a pedir perdón ás vítimas e á sociedade polos abusos, pola cultura de silencio, por non afrontarmos limpamente os feitos", engadiu.

O documento, presentado este xoves e titulado Informe sobre os abusos cometidos por relixiosos xesuítas nas provincias españolas, sinala que do total de xesuítas acusados de abusos a menores, 48 xa faleceron e 17 seguen vivos. Deles, catro xa non son xesuítas (un expulsado e tres que abandonaron a Compañía) e os outros 13 están apartados do contacto con menores, cumpren sancións ou están a esperar resolución de procesos canónicos ou civís.

Neste momento, segundo o informe, hai un proceso xudicial en curso, un proceso canónico en curso e houbo outros dous canónicos que acabaron coa suspensión do exercicio do ministerio do acusado e a súa reclusión en comunidades illadas. Do resto, non chegou a haber proceso xudicial nin canónico, senón medidas canónicas disciplinarias internas.

Tamén houbo un proceso canónico que concluíu sen probar a comisión dos abusos. En 14 do total dos casos (o 20 %) os acusados abusaran con reincidencia e sobre 51 (o 80 %) consta unha única denuncia, segundo revela o informe da Compañía de Xesús. Por xénero, nos casos en que teñen constancia, 46 dos menores que sufriron estes abusos eran nenos e 18 nenas. "Observamos unha especial vinculación ao ámbito educativo, a maioría dos abusos xorden en colexios ou vinculados a colexios", indicou o secretario de Comunicación da Compañía de Xesús José María Rodríguez Olaizola.

Sobre o momento en que se cometeron os actos, dos datos despréndese que dos 17 casos en que o acusado segue vivo, tres son da década dos 60, dous sucederon nos 70, tres nos anos 80, outros tantos nos 90 e seis ocorrerían desde o ano 2000. A acusación máis recente é de 2020, refírese aos eventos máis antigos e está a ser investigada

Noticias web

21/01/2021