CRTVG

Buscar

Furtivos con 107 kg de marisco apañado ameazan cun puñal os mariscadores de Cabo de Cruz

Publicado o 21/04/2020 12:58
Furtivos con 107 kg de marisco apañado ameazan cun puñal os mariscadores de Cabo de Cruz

O furtivismo recrúa en Cabo de Cruz, en Boiro. Pouco antes da medianoite deste luns, o servizo de gardapescas detectou dous individuos metidos na auga, na zona de Triñáns, que extraían marisco con rastros. Segundo relatan, cando se dispoñían a interceptalos topáronse cun terceiro individuo que "facía de control" e que, ao velos, "sacou un puñal que tiña metido na bota esquerda e ameazou con nolo cravar se nos achegabamos".

Os mariscadores de Cabo de Cruz aseguran que o home armado está identificado, e tamén un dos furtivos que extraían o marisco. Esta mañá comprobaron que tiñan fondeados 107 kg de produto na zona. Hoxe mesmo denunciarán estes feitos.