CRTVG

Buscar

Un fármaco para o colon podería combater a obesidade

Publicado o 21/01/2020 14:24

Un equipo do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago descubriu que un fármaco para o colon irritable combate a obesidade en animais. Se o ensaio en humanos é positivo, este segundo uso terapéutico será máis rápido, porque o medicamento xa está comercializado.

Investigadores do IDIS de Santiago engordaron animais con dieta, despois subministraronlles durante varios días linaclotide, un fármaco para o estrinximento asociado ao colon irritable, e comprobaron que perdían peso sen diminuír a inxesta de comida.

"A diminución do peso corpororal prodúcese como consecuencia da activación da graxa boa. A activación desta graxa provoca un consumo enerxético importante, un gasto enerxético alto, e iso fai que os animais perdan peso", explica Luisa María Seoane, directora de Fisiopatoloxía Endócrina do IDIS.

O complexo hospitalario de Santiago vai analizar agora os pacientes tratados co fármaco para comprobar se tamén perderon peso, aínda que a maioría tomaron doses que poden non ser significativas.

"O seguinte paso sería facer un ensaio máis amplo con estes pacientes e un tratameto máis longo no tempo". "Podense abaratar moito os custos, acurtar moito os tempos porque o fármaco xa está no mercado e xa se usa en humanos", engade a científica.

O investigadores advirten de que o medicamento sería só para casos grave de obesidade, non para persoas con 5 ou 6 quilos de máis.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/01/2020