CRTVG

Buscar

Detectan material xenético do coronavirus nas augas residuais da comarca coruñesa

Publicado o 04/05/2020 21:10

Esta investigación multidisciplinar, que inclúe microbiólogos, matemáticos, enxeñeiros e químicos, ten como obxectivo principal analizar a carga viral presente nas augas residuais da depuradora coruñesa de Bens, e determina que existe presenza de material xenético do coronavirus causante da COVID-19. O que intentan cando se complete o estudo é desenvolver un modelo matemático que permita saber o estado da epidemia na comarca e predicir posibles novos brotes.

"Mediante este modelo imos saber a cantidade de xente que está infectada nun momento dado, pero ademais imos poder vixiar o transcurso da epidemia. Agora é de agardar que estea descendendo e que chgue a uns niveis baixos de infección", di a microbióloga Margarita Poza.

Os responsables da EDAR Bens afirman que ese material xenético do coronavirus é depurado na planta e non chega ao mar. Por outra parte, observan que desde que comezou o confinamento hai un aumento considerable do volume diario de toalliñas desbotables e outros materiais téxtiles.

"O exceso do ímpeto de desinfección por parte da xente de intentar facer limpeza un pouco desaforada, pois esa presenza de toalliñas aumentou un 18%, co cal estamos case en tres mil quilos ao día", sinala Carlos Lamora.

A estas instalacións de Bens chegan as augas residuais das máis das catrocentas cincuenta mil persoas que viven na Coruña e noutros catro concellos da contorna.

Noticias web

04/05/2020