CRTVG

Buscar

Un estudo da USC conclúe que as primeiras infeccións en España foron en Euskadi

Publicado o 17/09/2020 13:36
Un estudo da USC conclúe que as primeiras infeccións en España foron en Euskadi

As primeiras infeccións en España polo coronavirus Sars-cov-2, causante da enfermidade da covid-19, entraron probablemente a través da cidade de Vitoria o pasado 11 de febreiro, segundo un estudo efectuado por expertos en xenómica do laboratorio Idis, da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Así o indica nun comunicado a citada institución académica tras unha investigación sobre o impacto do coronavirus que conclúe que a case totalidade dos casos de infección do coronavirus Sars-Cov-2 en España proceden de cinco liñaxes xenéticas.

A investigación conclúe que cinco cepas do citado coronavirus causante da pandemia de covid-19 son as que infectaron ao 90 % dos casos identificados en España.

O estudo considera que a liñaxe B3a do virus entrou en España a través de Vitoria e propagouse por outros puntos do País Vasco, a comunidade autónoma con "máis probabilidades de albergar a orixe da pandemia en España".

Segundo o estudo dos investigadores Antonio Salgas Ellacuriaga e Federico Martinón Torres, o primeiro gran "foco de expansión" produciuse do 5 ao 14 de febreiro e, posteriormente, houbo outro do 16 ao 19 de marzo. 

A segunda liñaxe en importancia do coronavirus en España, o A2a5, "puido orixinarse en Italia", para converterse nun dos máis importantes de propagación mundial", segundo os expertos do citado laboratorio.

Esa liñaxe do coronavirus chegou probablemente a principios de marzo a España e propagouse por Madrid, explican os investigadores.

Engaden que moitos desas liñaxes, tanto as xeradas en España como as importadas, propagáronse a Inglaterra, como é o caso do B3a, ou a países de América do Sur, tales como o B3a ou o A2a4.

A investigación, publicada na revista científica 'Zoological Research', analizou un total de 41.362 xenomas, dos cales 1.245 compoñen a mostra en España e constitúe o maior estudo global sobre a as variables xenómica do virus do Sars-cov-2, apunta a USC.