CRTVG

Buscar

Un empresario de Carballo idea unha máquina que desinfecta as mans sen contacto

Publicado o 04/06/2020 14:34

Un empresario de Carballo ideou esta máquina para desinfectar as mans de xeito seguro. Está construída en aceiro alimenticio e, na parte de atrás, leva dous depósitos de 5 litros ou un de 25 de hidroalcol. Calcula que cada 5 litros dá para máis de 3.000 usos. 

"Desinfectamos con hidroalcol. A maioría das máquinas que botan por goteo botan hidroxel. Isto leva dous atomizadores que pulverizan o hidroalcol. As mans non quedan pegañentas e nun par de segundos están secas", di José Veiga, empresario.

Para o cliente que entra no establecemento, a principal vantaxe é que é automática e non a ten que tocar. Uns sensores infravermellos detectan as mans e o produto desinfectante sae pulverizado. Asegura que abonda un segundo para estar listo.

"É unha máquina que non hai que tocar en ningún momento. Se pasou alguén que puidera ter algún virus non habería que tocar para desinfectar onde pasou esa persoa", engade Veiga.

O dono do establecemento manexa a máquina a través do seu teléfono móbil: leva a conta dos ciclos de uso e pode elixir a cantidade de produto que se vai pulverizar. 

A máquina permite sincronizarse coa porta ou os tornos de acceso dun local para garantir que todos os que entren o fagan coas mans debidamente desinfectadas.

 

 

 

Noticias web

04/06/2020