CRTVG

Buscar

Un dos gromos detectados na Coruña afectou unha empresa da lonxa

Publicado o 11/08/2020 14:41

Os casos de covid-19 seguen medrando na área sanitaria da Coruña-Cee. Os casos activos aumentaron en 35 nas últimas 24 horas e acadan xa os 406. Tamén medra o número de pacientes ingresados ata os 20, 19 deles hospitalizados en planta e un na UCI.

Nas últimas horas coñeceuse un novo gromo no porto da Coruña detectado a semana pasada. Son traballadores dunha empresa de exportación e importación de peixe e marisco que ten as súas instalacións na lonxa coruñesa.

Segundo informaron desde a lonxa, a empresa estivo pechada durante tres días para acometer as labores de desinfección tras dar positivo na probas PCR tres traballadores que non precisaron hospitalización e permanecen illados. A día de hoxe a empresa xa retomou a actividade.

Mentres continúan os peches de sectores como os centros de día e o ocio nocturno así como as limitacións de ocupación e horarios.

Desde a hostalaría reclaman a apertura dun diálogo coas administracións para tratar de buscar solucións a un sector que está a ser un dos máis castigados polas novas restricións.

O gromo da residencia DomusVi de Matogrande permanece estable, con tres casos positivos. Tamén está estabilizado o de Vimianzo, con sete casos, os mesmos desde o venres, e continúa estable o relacionado cun ximnasio de Arteixo, con 58 casos.

Noticias web

11/08/2020