CRTVG

Buscar

Un deputado portugués abandona o Parlamento advertindo da súa masificación

Publicado o 25/03/2020 16:55

En Vila Real, a uns 80 quilómetros da fronteira con Galicia, nestes momentos está sendo evacuada unha residencia de maiores onde hai 20 positivos. Todos os anciáns serán trasladados ao hospital. Portugal deixa hoxe outra imaxe salientable. A do líder da oposición, Rui Rio, abandonando o Parlamento para dar exemplo porque había demasiados deputados no hemiciclo e non se respectaban as distancias. Criticou o Goberno e o presidente da cámara por permitir que se celebrara un pleno cando se lles pediu aos portugueses que traballen na casa, pero tamén lles rifou aos do seu partido. 

Rui Río, do Partido Social Demócrata, abandona a Asemblea da República para criticar e dar exemplo aos seus propios compañeiros de partido. Asistiran case todos ao pleno, cando se acordara que aparecera 1 de cada 5.

Outros deputados seguiron a Rui Rio para dar exemplo ante uns cidadáns que esperan o repunte de casos de coronavirus. Actualmente hai 2.995 positivos e 43 falecidos. A Dirección Xeral de Saúde prepara urxentemente os hospitais para a chegada do peor nun día no que Cristiano Ronaldo anunciou que pagaría a construción dunha sección enteira do hospital de São João, no Porto. O hospital de Braga non tivo tanta sorte. No medio dos preparativos ardeu toda unha planta esta mañá e provocou varios feridos.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/03/2020