CRTVG

Buscar

Un de cada 5 condutores galegos teñen máis de 65 anos

Publicado o 15/01/2020 20:53

O vinte por cento dos condutores galegos ten máis de 65 anos e, deses, a terceira parte supera os 75. O avellentamento da poboación trae asociado un problema de seguridade viaria.

Luis vai facer os 73. Hai tres anos que renovou o carné, e volve tocar.

Os resultados das probas foron bos, e el atópase en condicións para conducir. Vive nunha aldea de Baños de Molgas e o coche faille falta, para ir á compra, para ir ao médico e ata para tomar un café: "Aquí hai moitos que teñen o coche e non o usan porque van en autobús, pero a nós cómprenos".

En Ourense, unha das provincias máis avellentadas de España, o 25 por cento dos condutores ten máis de 65 e hai 16.000 que soben dos oitenta. Os despistes, coma o que protagonizou a semana pasada un octoxenario que circulaba en sentido contrario pola A-52, ata que o alertou un camioneiro, é o que máis lles preocupa aos responsables de Tráfico.

Miguel Llorente Rey, xefe provincial de Tráfico de Ourense: "Ás veces é complicado porque, incluso, alguén que renove o permiso estando ben, pode pegar un baixón en semanas. Iso é inevitable, pero se podemos minimizalas ou evitalas, mellor".

Unha das medidas máis socorridas son as restriccións no carné.

Modesto Nóvoa Salgado, médico dun centro de recoñecemento de condutores: "En canto á velocidade, en canto a conducir de noite por se ten algún problema de visión nocturna, ou que non faga traxectos en vías de alta capacidade".

Actividades coma esta charla organizada polo Colexio de Médicos de Ourense buscan fórmulas de colaboración entre Tráfico e a Sanidade Pública para mellorar a seguridade viaria nesas franxas de idade.

Noticias web

15/01/2020