CRTVG

Buscar

Accidéntase borracho en Xinzo e pregunta: "Quen puxo esa rotonda aí, que antes non estaba?"

Publicado o 11/02/2020 13:39
Accidéntase borracho en Xinzo e pregunta: "Quen puxo esa rotonda aí, que antes non estaba?"

Un mozo de 23 anos, veciño de Xinzo de Limia, saíu da vía pola súa marxe esquerda na travesía desta vila ourensá e, tras circular sobre a rotonda, arrincou a sinalización vertical, resultando o vehículo sinistro total.

Desprazado ao lugar, o equipo de atestados do destacamento de Tráfico da Garda Civil de Ourense someteu o condutor ás probas para a detención de alcol aire expirado, dando unha taxa que  quintuplicaba o máximo permitido. 

Entre proba e proba descendeu do furgón de atestados e en voz alta dicíalles aos curiosos que se ían achegando, entre os que se achaban os empregados dun bar próximo: "Cando pasei cara a Xinzo non había rotonda e agora, ao volver, hai unha. Quen puxo a rotonda?".

Os feitos foron postos en coñecemento da autoridade xudicial de Xinzo de Limia e o mozo pode enfrontarse a unha pena de prisión de 3 a 6 meses, ou de multa de 6 a 12 meses ou traballos en favor da comunidade de 31 a 90 días; e, en calquera caso, á retirada do permiso de conducir por un tempo superior a un ano e ata catro.

Ademais do anterior, a compañía aseguradora reserva o dereito a solicitarlle o reembolso das cantidades que puidese ter que adiantar para abonar os gastos ocasionados pola reparación da sinalización e limpeza da vía.