CRTVG

Buscar

Un condutor novel bébedo, ferido leve tras espetar o seu coche contra a fachada dunha panadaría en Abegondo

Publicado o 25/02/2020 14:02

Alcol, condución inexperta, de noite e con chuvia. Son os ingredientes dun cóctel que puido ser fatal.

Eran as catro e dez da madrugada cando un turismo saía da estrada AC-542 en Abegondo e ía espetarse contra esta fachada. No vehículo viaxaban dous ocupantes novos, e o condutor, novel, triplicaba a taxa de alcol permitida, segundo informa a Garda Civil de Tráfico. Afortunadamente, e a pesar dos importantes danos materiais que se aprecian a simple vista, ningún dos dous mozos, que foron trasladados a un hospital da Coruña, sufriu feridas de gravidade, e non foi sequera necesario que os bombeiros de Betanzos desprazados ao lugar tivesen que liberalos.

As empregadas do establecemento atoparon a desagradable sorpresa cando ás sete e media da mañá chegaron a traballar.

O interior do establecemento, moi concorrido á hora do almorzo, tamén quedou danado pola potencia do impacto, que deixou toda a zona próxima cuberta de anacos de vidro.

A Garda Civil de Tráfico e policías locais de distintos concellos teñen activo un dispositivo especial pola festa do Entroido, con 3.000 probas de alcolemia diarias.

Noticias web

25/02/2020