CRTVG

Buscar

Un coche accidentado acaba no tellado dunha adega en Betanzos

Publicado o 15/02/2019 14:26

Aparatoso accidente de tráfico en Betanzos. O condutor, que deu positivo nas probas de alcol, perdeu o control do vehículo e acabou enriba do tellado dunha adega. El e mais o copiloto foron quen de saír do coche polo seu propio pé. Así que, malia ser moitos, os danos son só materiais.

Enriba do tellado dunha adega. Así quedou o coche accidentado. O condutor, que ía acompañado doutro mozo, circulaba por esta estrada que vai de Sada a Betanzos. E xusto aquí, nesta recta do lugar de Castro, perdeu o control do vehículo e saíu da vía.

"Esperto co golpe á unha e media da mañá, que foi cando tivo lugar o golpe. Aviso o 062 porque xa é unha práctica habitual chamar ao 062. Atopamos dúas persoas que están cruzando a estrada. Entón xa nos demos conta de que o golpe fora bastante grande. Vimos o valado roto e xa nos demos conta de que o coche caera".

Ao lugar desprazáronse dúas patrullas da Garda Civil, unha da Policía Local, unha ambulancia medicalizada e tamén os bombeiros de Betanzos.

José Manuel Pérez, sarxento dos bombeiros de Betanzos: "Cando chegamos ao lugar os dous ocupantes do vehículo xa estaban fóra. O único que o vehículo estaba co contacto posto e desconectamos a batería para deixar o vehículo seguro".

Malia que é a primeira vez en corenta anos que un automóbil acaba nesta propiedade, os veciños din que están fartos deste tipo de accidentes por mor do exceso de velocidade.

"É unha zona de continuos accidentes. Cando non dan contra os colectores, invaden os garaxes dos veciños. Tratamos de conseguir limitar a velocidade e amais é unha zona moi boa para colocar un radar e intimidar así a xente que conduce a altas velocidades".

Desta volta, os dous mozos saíron ilesos, porén o condutor deu positivo nas probas de alcolemia.
Malia a aparatosidade do sinistro, só hai que lamentar cuantiosos danos materiais.


 

Noticias web

15/02/2019