CRTVG

Buscar

Un camioneiro sálvalle a vida a un home que se meteu na autovía en dirección contraria

Publicado o 09/01/2020 14:25

José Alberto Torres Fontán, un veciño de 35 anos de Caldas de Reis, deixara o seu camión de traballo na base de Benavente e retornaba á casa no seu turismo durante a madrugada do sábado 4 de xaneiro. Cando pasaba pola Gudiña, arredor das 5.15 da mañá, viu como outro vehículo circulaba en sentido contrario pola autovía A-52. O risco de accidente agravábase dada a densa néboa e escuridade que predominaba no momento do suceso.

José Alberto circulou en paralelo durante varios quilómetros para advertir do perigo ao outro vehículo. Tras facerlle sinais luminosos e sonoros sen éxito, o camioneiro aparcou o coche na be iravía e, armado cun chaleco reflector e unha lanterna, dispúxose a cruzar a mediana. Finalmente, xa na outra calzada, conseguiu captar a atención do kamikaze mediante acenos.

Quen conducía en sentido oposto ao indicado era un octoxenario que se atopaba totalmente desorientado mentres intentaba volver á casa. O home accedera por un erro á vía de alta capacidade no enlace da Vilavella, na Mezquita, e circulaba polos carrís sentido Benavente en dirección a Verín.

Dende a Garda Civil de Ourense agradecen a acción do transportista pontevedrés, que foi quen de avisar os demais usuarios da vía do perigo, ademais de lograr a detención do vehículo kamikaze. Pola súa parte, José Alberto Torres réstalle importancia e incide en que o fundamental era evitar unha traxedia.

Dende o Subsector de Tráfico tamén fan un chamamento á prudencia en caso de verse na necesidade de actuar de xeito similar, pois as accións a pé de vía supoñen un gran perigo para quen as executa.

Noticias web

09/01/2020