Veciños de Campelo, en Poio, denuncian o mal estado das liñas de telefonía e o pésimo servizo
Veciños e hostaleiros de Campelo, no concello pontevedrés de Poio, denuncian o mal estado das liñas de telefonía e, como consecuencia, problemas no servizo. Reclaman unha solución definitiva a este problema.
A proliferación de cables en vilas e aldeas xa non sorprende a ninguén. O peor é que, con frecuencia, a máis maraña de cables, peor servizo.
É o que está a pasar en Campelo, no concello pontevedrés de Poio. Caixas estragadas, cables atados e un servizo que, segundo os veciños, é deficiente.
Manuel Corrales, presidente da Asociación de Hostaleiros de Poio: "Levan meses atados os cables aos postes. E non se sabe se a xente non reclama ou se cansou de reclamar. Un veciño dicía que ás veces chamas a Telefónica e como se estiveses falando cun carballo".
Tamén nos carballos hai cables cortados e enredados. Segundo Manuel, que ten un hotel no lugar, os cables estráganse debido ao paso de camións de gran tonelaxe e os residentes quedan sen liña telefónica.
Manuel Corrales, presidente da Asociación de Hostaleiros de Poio: "Aquí temos unha entrada, unha pista moi estreita para tráilers de máis de 20 metros de longo e 40 toneladas de peso. Isto non está preparado para iso. A altura dos camións é tanta, baten cos cables e rómpenos".
Asegura que desde hai un ano sufriron unha decena de cortes de teléfono e que, no seu caso, chegou a perder reservas por non ter liña.
Manuel Corrales, presidente da Asociación de Hostaleiros de Poio: "Pode ser que agora teñamos teléfono e dentro dunha hora pasa un camión e xa estamos sen el. Isto non pasa esporadicamente, pasa en calquera momento".
Cre que a única solución a este problema é que o Concello faga uns accesos en condicións.