CRTVG

Buscar

Un avó deixa pechados no coche os seus tres netos menores en Nigrán

Publicado o 24/01/2019 14:12

Un veciño de Gondomar deixou os seus tres netos menores de idade pechados no coche mentres permanecía nun bar de Nigrán. Confirmouno a Policía Local que xa puxo o caso en mans da Fiscalía de Menores e dos Servizos Sociais. Foi unha veciña quen alertou os axentes cando viu os tres pequenos sós no asento traseiro do coche.

Sucedeu no camiño Cabreira, na Ramallosa, en Nigrán. Aquí estaba estacionado o coche que chamou a atención dunha veciña da zona porque no asento traseiro viu tres menores que estaban sós.

Un familiar dos menores, que teñen entre un e seis anos, estaba nas inmediacións e identificounos. Facilitou aos axentes os datos da súa nai, que nese intre estaba trallando, e localizou o avó dos pequenos nun bar próximo á zona. Supostamente, o home estaba ao seu cargo, pero deixounos pechados no coche e sen posibilidade de vixialos dende o lugar en que se atopaba.

O familiar dos menores, que aparentemente estaban en bo estado, fíxose cargo dos nenos, xa que, segundo os axentes, o seu avó non estaba en condicións de facelo. A Policía Local de Nigrán puxo o caso en mans da Fiscalía de Menores e dos Servizos Sociais.

Noticias web

24/01/2019