CRTVG

Buscar

Un ataque atribuído ao lobo acaba coa vida dunha poldra en Vilalba

Publicado o 16/12/2019 13:40

Medio devorada. Así quedou unha poldra logo de sufrir un ataque atribuído ao lobo. A cría, duns sete meses, encontrábase nun prado de Goiriz, en Vilalba, situado a escasos metros das vivendas. Isto motivou a preocupación da veciñanza, posto que nestas casas viven nenos e persoas maiores.

"Levantámonos pola mañá, foi mirar un rapaz que temos aquí e estaba un poldro morto, comido do medio para abaixo. Estamos preocupados porque pode haber nenos ou unha persoa maior".

"Vivín aquí sempre e nunca acordo ver os lobos ata que os tiraron por aquí. Aquí nunca na vida o lobo vin, nin se oiu do lobo por aquí".

"O lobo está andando polo medio das casas seguido. Cremos que o problema non é do lobo de monte alto, senón do lobo que deixan para que críe en zonas baixas, Normalmente, os lobos que atacan o gando ao pé das casas forman mandas pequenas, moitas veces en parella, e o lobo por natureza anda en manda grande, non en grupo pequeno. E aquí temos a proba, pois se fora unha manda grande posiblemente morrerían máis poldros e o que mataron estaría máis comido".

O dono da poldra baixara parte do gando dende a súa explotación na parroquia vilalbesa de Vilapedre precisamente para afastalo do lobo. Gardou os animais nun prado cercado ao carón das casas, pero nin así puido evitar o ataque.

"En Vilapedre, ao Xabi xa lle atacaron máis veces, e morréronlle bastantes poldros. Así que el tamén está preocupado. Se os trae para xunto da casa e pasa isto, pois hai que tomar unha determinación".

O dono da poldra morta, que reclama medidas para acabar con estes ataques, estima as perdas nuns 700 euros.

Noticias web

16/12/2019

Máis sobre Vilalba