CRTVG

Buscar

Un ancián de 84 anos foi rescatado na contorna do río Miño en Lugo grazas o sinal do seu móbil

Publicado o 27/06/2019 14:08

Un ancián de 84 anos foi rescatado na contorna do río Miño en Lugo tras caer e quedar atrapado na maleza. O home logrou avisar os responsables do balneario, onde se hospeda, e eles avisaron a policía, que logrou localizalo a través do sinal do seu móbil. Os axentes, aínda así, tiveron dificultades para dar con el debido á altura da herba na zona en que caeu.

Aos seus 85 anos, Saturnino di que volveu nacer. Estivo tirado durante dúas horas nesta zona á beira do río Miño invadida pola maleza. O home caeu por un desnivel e quedou atrapado na herba, berraba pedindo axuda pero ningúen o escoitaba. Foron dúas horas de angustia que ao final remataron nun susto.

Saturnino alóxase no balneario da cidade. Coñece ben a contorna do establecemento, xa que leva vindo ás termas dende hai dez anos. Como todos os días saíu a pasear pero desorientouse, e foi parar a esta zona do río onde é difícil ver por onde pisas debido á maleza.

Como puido sacou o seu móbil do peto e chamou ao balneario, dende aquí avisaron o 112 e a policía, que a través do sinal do móbil puido achegarse á súa localización, aínda que atopalo non foi fácil, xa que estaba tapado pola abundante maleza.

Os responsables do balneario denuncian a falta de mantemento das beiras do río.

Saturnino recibiu asistencia médica pero ese mesmo día volvía ao balneario gozar dos seus días de descanso.

Noticias web

27/06/2019