CRTVG

Buscar

Refachos de vento de 150 km/h. en varios puntos da provincia de Lugo

Publicado o 21/12/2019 13:16

O temporal que afecta a Galicia deixa refachos de vento por riba dos 166 quilómetros por hora en Cedeira e de 149 quilómetros á hora no concello lugués de Viveiro, 124 en A Pontenova e na montaña dos Ancares, en Cervantes.

A estrada que atravesa a parroquia de San Salvador de César, en Sarria, tivo que ser cortada logo de vir abaixo parte dun tramo por causa da chuvia. Afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais pero as obras de reconstrución van ser moi complicadas e a os veciños terán que dar rodeos. En Lugo, a imaxe do día foi o afundimento dun catamarán turístico por causa da crecente do Miño, que chegou aos 577 metros cúbicos por segundo. E na Terra Chá prolongouse o anegamento de leiras e estradas, como nas xornadas anteriores.

"Nas casas non entra pero fai moito dano nas leiras. Ademais son xa moitos días seguidos."

"O meu neto viña de traballar e tivo que deixar o coche e vie a pé porque non se pasaba."

O concello de Castro de Rei segue a ser o máis afectado, co corte de ata dez estradas e con numerosas casas ás que só se pode acceder a pé. Ademais da vía que veu abaixo, en Sarria foi preciso cortar outra pola caída de árbores no firme. Os veciños do centro da provincia agardan que o temporal que se espera para mañá non cause aínda máis problemas.

Noticias web

21/12/2019