CRTVG

Buscar

Twitter etiqueta un vídeo compartido por Trump como "manipulado" e Facebook retíralle un anuncio

Publicado o 19/06/2020 07:57
Twitter etiqueta un vídeo compartido por Trump como "manipulado" e Facebook retíralle un anuncio

Twitter etiquetou este xoves como "manipulado" un vídeo editado que compartiu na súa conta desa rede social o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, ao determinar que o seu contido viola as normas da compañía.

É unha versión manipulada co logo da CNN dun vídeo que se fixo viral en 2019 de dous nenos, un branco e outro negro, abrazándose na rúa.

A versión compartida por Trump empeza cun segmento do vídeo en que o neno branco parece perseguir ao negro cos rótulos "Neno aterrorizado foxe dun bebé racista" e "O bebé racista probablemente sexa un votante de  Trump" á beira do logo da CNN.

Este segmento editado dá paso ao vídeo orixinal en que os dous nenos se abrazan e entón aparece a mensaxe "Os Estados Unidos non son o problema. As noticias falsas o son".

Twitter etiquetou este vídeo como "manipulado" e enviou a algúns dos seus usuarios unha alerta cunha ligazón en que dá máis detalles sobre o caso.

"En setembro de 2019, a CNN informou dun vídeo viral sobre a amizade entre dous nenos. Este xoves, o presidente compartiu unha versión dese vídeo que moitos xornalistas confirmaron que está editada e manipulada cun rótulo falso da CNN", afirma Twitter.

Esta é a terceira vez que Twitter disputa en poucas semanas o contido de chíos de Trump, algo que enfureceu o presidente estadounidense, que durante anos utilizou esta rede social para comunicarse directamente cos seus 80 millóns de seguidores sen pasar polo filtro dos medios.

Na primeira ocasión Twitter enlazou información verificada que contradicía os chíos de Trump sobre a suposta manipulación do voto por correo e na segunda a compañía ocultou unha mensaxe do presidente sobre as protestas raciais por "glorificar a violencia".

A decisión de Twitter ocorre o mesmo día en que Facebook retirou un anuncio da campaña para a reelección de Trump ao considerar que contiña un símbolo que usaron os nazis nos campos de concentración, o cal indica un maior escrutinio das compañías de Silicon Valley ao mandatario.

O símbolo en cuestión é un triángulo vermello invertido. O equipo de campaña de Trump asegura que a súa intención era criticar o movemento antifascista coñecido como Antifa. O presidente pedía no anuncio asinar un manifesto de condena contra a xente de extrema esquerda, á que acusa de causar estragos nas cidades dos EUA.  

Trump considerou as decisións de Twitter como "censura" e a finais de maio asinou un decreto destinado a avaliar se o seu Goberno pode castigar a Twitter, Facebook, Youtube ou Google se tentan moderar os contidos publicados nas súas plataformas.