CRTVG

Buscar

Turistas e reecontros familiares na reactivación progresiva dos aeroportos

Publicado o 04/07/2020 14:54

Meses sen poder abrazar os seres queridos quedaron esquecidos esta semana no aeroporto da Lavacolla, en Santiago de Compostela, coa recuperación aos poucos das conexións aéreas interrompidas polo coronavirus.

"Veño porque son pensionista e quero recuperar os días coa familia, cos veciños cos que eu me criei", conta unha viaxeira.

Os viaxeiros atopábanse con novas medidas de seguridade por mor da pandemia: uso obrigatorio da máscara e formalización dun formulario identificativo, toma de temperatura e normas de distanciamento e hixiene.

"Todo ben. Control alá, control aquí, míranche a febre se tes, e fas un formulario onde vas estar, e xa está" conta un pasaxeiro.  "Dende o meu punto de vista non hai moitas medidas. A ringleira que segues facendo para esperar para entrar no avión é a mesma", remata outro.

Esta mañá o aeródromo compostelán recuperaba as conexións con Zürich e Xenebra, e tamén as escalas dende Madrid con destinos a varios países non pertencentes á Unión Europea. As novas medidas non lles quitaron o humor aos viaxeiros.

"Eu pola saúde o que sexa, dáme igual. Se ten que ser, é, se hai que esperar máis, pois hai que esperar", razoa unha visitante.

"Por todos os lados xel, desinfectante, sanitizante, hixienizante... imos pero moi ben. Nós non traemos nada, eh?", confesa outra pasaxeira.

E mentres os aeroportos superan pouco a pouco as consecuencias da pandemia, os viaxeiros volven recuperar o valor do que verdadeiramente importa.

Noticias web

04/07/2020