CRTVG

Buscar

Trump esíxelles man dura aos gobernadores para poñer fin ás protestas: "Sodes débiles"

Publicado o 01/06/2020 22:42

O presidente Donald Trump esixiu este luns aos gobernadores do país unha resposta máis agresiva contra os manifestantes, con cargas policiais, arrestos e duras sentenzas de cárcere, para "poñer fin" ás protestas e disturbios pola violencia policial contra os negros.

"Este é un movemento. Se non lle poñen fin, vai empeorar máis e máis. O único momento no que triunfa é cando vostedes son débiles, e a maioría de vostedes son débiles", dixo Trump durante unha chamada telefónica cos gobernadores dos distintos estados do país. 

"Teñen que arrestar a xente, teñen que xulgar a xente, teñen que metelos no cárcere durante dez anos e nunca verán este tipo de cousas de novo", subliñou Trump, segundo unha gravación da conversación privada obtida pola cadea CBS News e confirmada por outros medios.

Nova York decreta o toque de queda

A cidade de Nova York decretará este luns un toque de queda a partir das 11 da noite e dobrará a presenza policial en resposta aos episodios violentos vividos nas protestas pola morte do cidadán afroamericano George Floyd a mans da Policía hai unha semana.

Será a primeira vez na historia recente que a Gran Mazá impoña un toque de queda aos seus cidadáns, unha medida que nos últimos días xa tomaron decenas de cidades en Estados Unidos. Nun comunicado conxunto, o alcalde, Bill de Blasio, e o gobernador do estado, Andrew Cuomo, informaron de que as restricións se aplicarán entre as 11 da noite deste luns e as 5 da mañá do martes.

"Hoxe, para protexer contra a violencia e os danos á propiedade, o gobernador e eu decidimos implementar un toque de queda en toda a cidade", dixo De Blasio, que insistiu no seu apoio ás protestas, que foron "en xeral pacíficas". "Non podemos deixar que a violencia mine a mensaxe deste momento. É demasiado importante e a mensaxe debe oírse", dixo o alcalde neoiorquino, que só un día antes se mostrou contrario a unha medida deste tipo.

Cuomo, na mesma liña, deu apoio aos "manifestantes e á súa mensaxe", pero dixo que "desafortunadamente, hai xente que está a buscar distraer e desacreditar este momento". "A violencia e os saqueos foron malos para a cidade, o estado e todo este movemento nacional", afirmou o dirixente demócrata, que animou a continuar coas marchas de forma pacífica.

As autoridades, ademais, anunciaron que esta noite dobrarase a presenza policial nas rúas para tratar de frear os disturbios, cos axentes adicionais despregados en zonas onde houbo violencia e desfeitas en días anteriores, principalmente no Baixo Manhattan e a zona centro de Brooklyn. Segundo Cuomo, este luns haberá na cidade 8.000 policías para controlar a situación, fronte aos 4.000 da xornada anterior. 

A autopsia confirma que George Floyd morreu por asfixia

A autopsia ordenada pola familia de George Floyd confirma que faleceu por "asfixia, debido a unha presión sostida". De acordo con ese informe médico, "houbo unha compresión do pescozo e das costas que levaron a unha falta de rega sanguínea ao cerebro" de Floyd, anunciou o avogado da familia da vítima

Os transeúntes que se atopaban no lugar do suceso gravaron coas cámaras dos seus móbiles un vídeo no que se ve ao policía Derek Chauvin presionando o pescozo de Floyd cun xeonllo durante uns nove minutos e as queixas deste de que non podía respirar.

 

Noticias web

01/06/2020