CRTVG

Buscar

Trump e Biden debaten e deixan claras as súas visións opostas de país

Publicado o 23/10/2020 06:27
Trump e Biden debaten e deixan claras as súas visións opostas de país

Os candidatos á presidencia dos EUA confrontaron as súas visións opostas de país no segundo e último debate antes dos comicios do 3 de novembro. Foi un cara a cara máis sereno que o anterior pero no que non faltaron as acusacións cruzadas: de mala xestión e de corrupción.

O presidente Donald Trump dixo que Rusia lles pagou moitos cartos a Joe Biden e á súa familia sendo el vicepresidente, e engadíu que probablemente o segue facendo. O aspirante demócrata respondeulle que nunca recibíu nin un só centavo de ningún país estranxeiro. Asegurou que o candidato republicano paga máis impostos fóra ca nos EUA e acusouno de ter unha conta secreta na China que, segundo o mandatario, xa pechou. Biden volveulle botar en cara que non faga públicas as súas declaracións da renda e que, segundo informacións xornalísticas, a maioría non lle saíse a pagar. Trump repetiu que pagou millóns de dólares, dicindo agora que o fixo por adiantado e que ninguén lle dixera nada.

Cada un criticou a xestión do outro no eido económico, medioambiental e de inmigración e tamén falaron de racismo: Donald Trump afirmou ser a persoa menos racista da sala e o mandatario que máis fixo polos afroamericanos, ao que Biden replicou acusándoo de botar sempre máis gasolina ao lume. E tamén quedaron claras as súas visións enfrontadas da pandemia: o presidente debuxou un escenario no que todo mellora, mentres o candidato demócrata lle lembrou que van xa máis de 222.000 mortos. Trump afirmou que a vacina estará lista en cuestión de semanas -logo a preguntas da moderadora matizou que espera que chegue a final de ano- pero Joe Biden augurou que o próximo será un inverno escuro.

Á moderadora foi a quen o mandatario interrompeu desta volta en múltiples ocasións. E é que tras as innumerables interrupcións do anterior debate, sobre todo pola súa parte, os organizadores decidiron pecharlle a cada un o micrófono mentres o outro falaba.