CRTVG

Buscar

Trudeau gaña en escanos pero non revalida a maioría absoluta no Canadá

Publicado o 22/10/2019 12:46
Trudeau gaña en escanos pero non revalida a maioría absoluta no Canadá

O primeiro ministro canadense, Justin Trudeau, asegurou hoxe que escoitou "a mensaxe" dos cidadáns, tras gañar as eleccións xerais celebradas o luns, pero sen revalidar a maioría absoluta e perdendo o voto popular.

Segundo os resultados provisionais, o Partido Liberal (PL) de Trudeau obterá 156 dos 338 deputados da Cámara Baixa do Parlamento, 14 menos dos necesarios para gobernar sen o apoio doutros grupos políticos. Nas eleccións de 2015, os liberais obtiveron 184 escanos.

Pola súa banda, o Partido Conservador (PC) logrou 122 deputados, fronte aos 99 de 2015. Por detrás quedaron o soberanista Bloque Quebequés (BQ), con 32 deputados; o socialdemócrata Novo Partido Democráta (NPD), con 24; o Partido Verde, con 3 e un independente.

O gran vencedor da noite foi o separatista BQ, que pasou de 10 a 32 deputados.

A pesar de que os liberais obtiveron 34 deputados máis que os conservadores, o PC conseguiu máis votos que o PL: 6 millóns, ou un 34,5% das papeletas emitidas, fronte a 5,7 millóns ou o 33%.

Favoreceu a Trudeau o sistema electoral canadense, baseado no sufraxio directo en que os votantes de cada unha das 338 circunscricións do país elixen un único deputado para a cámara baixa do Parlamento, o que supón que só contan os votos obtidos polo candidato gañador.

O resultado supón que Trudeau terá que buscar apoios puntuais dos partidos da oposición para sacar adiante as súas propostas lexislativas, xa que en Canadá non existe tradición de gobernos de coalición, unha circunstancia que nunca se produciu no país a nivel federal.

"Escoitei a mensaxe"

Nun discurso ante os seus seguidores en Montreal tras confirmarse a vitoria liberal, Trudeau estendeu a súa man ás provincias de Quebec e Alberta, onde o PL perdeu unha parte substancial de apoio popular.

"Queridos quebequeses, escoitei a mensaxe", afirmou Trudeau, para engadir que o resultado deixa claro que a provincia francófona quere seguir sendo parte do Canadá, a pesar de que o BQ triplicou o seu apoio.

Trudeau explicou que ese aumento do apoio ao BQ responde o interese dos quebequeses de que a súa voz "se escoite máis en Ottawa", algo ao que se comprometeu a facer.

Sobre Alberta e Saskatchewan, as dúas provincias do oeste que votaron de forma masiva ao PC e onde os liberais non obtiveron ningún deputado, Trudeau dixo que "oímos a súa frustración" e que o seu Goberno traballará "para unir o país".

Pero tamén deixou claro que os canadenses "votaron por unha axenda progresista e de acción contra a crise climática" e que ese será o labor dos deputados liberais.

O líder do BQ, Yves-François Blanchet, deixou claro ante os seus seguidores en Montreal que a formación que dirixe "non quere participar" no Goberno federal, pero que cooperará con outros partidos naquelas propostas que beneficien á provincia francófona.

Blanchet sinalou que o BQ se opoñerá á expansión de oleodutos cara ao leste do país e engadiu que o seu "traballo non é facer que o federalismo canadense funcione", pero tampouco é impedilo, á espera que os quebequeses "elixan outro camiño" que faga de Quebec unha nación soberana.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí