Trescentos maiores de toda Galicia participan no programa Xuntos polo Nadal
Preto de trescentos maiores participan este ano no programa Xuntos polo Nadal, que reúne anciáns que viven sós para que pasen estas datas en compañía. E algúns atopan algo máis ca iso.
Bernardina e Juan, de Vigo e Pontevedra, apuntáronse ao programa porque estaban sós polo Nadal, e aquí atoparon compañía e algo máis.
"Esta é a miña compañeira, coñecémonos o ano pasado". "Aquí?" "Si, si", anuncia Juan.
Este ano repiten, pero con outra motivación.
"Para celebrar o aniversario!", celebra Bernardina.
295 persoas participan este ano no programa, que ampliou o número de prazas a raíz da demanda.
"Aquí estamos todos, pasámolo ben, e aquí estaremos o ano que vén", di un dos participantes.
Tamén se ampliou a estancia. Desde o 23 de decembro ata o día despois dos Reis: "Eu vivo soa, levo 20 anos soa. E aquí teño compañía. Non ve que estou con cinco aquí arrimada?".
Os que teñen unha renda baixa, non pagan nada, e os demais, 50 euros. Vai dirixido a maiores de 60 que viven sós, con prioridade para os que teñen máis anos e os de menos ingresos.
"Unha asistenta social que foi á casa díxomo e fíxome os papeis e todo, e aquí estou", explica unha das participantes.
Hoxe visitounos a conselleira, que anunciou que están traballando nun novo plan contra a soidade non desexada.