CRTVG

Buscar

Tres xogadoras de voleibol de Lugo capturan un ladrón que acababa de roubar nun bar

Publicado o 06/03/2020 21:22

Tres xogadoras de voleibol de Lugo capturaron o autor dun roubo nun bar da cidade. As rapazas non dubidaron en arriscarse a perseguilo e conseguiron retelo ata que chegaron os axentes de Policía. Din que o volverían facer e que en ningún momento pensaron no perigo que podían correr. 

Foi na Rúa Nova de Lugo onde as tres inesperadas heroínas conseguiron reducir un ladrón que fuxía logo de cometer un roubo nunha cafetería. O presunto autor dos feitos fuxía a toda présa pola rúa perseguido por outro home que berraba pedindo axuda para prendelo. As rapazas non dubidaron un segundo en correr atrás del ata que conseguiron acurralalo e que se rendise. Despois agardaron a chegada dos axentes de Policía, que xa estaban avisados. O que teñen claro e que non pensaron no medo.

"Eu non o dubidei. Estabamos ao 100% de adrenalina a nin pensamos que levase nada."

"Eu díxenlle que parara. Que, se non fixera nada, por que corría. Pero el non falou."

"Volveríao facer. Se alguén precisa axuda hai que botar unha man como sexa."

Estas inesperadas heroínas recoñecen que a súa estatura e boa forma física serviron para reducir o ladrón. Agora queren ser tamén coñecidas polo seu bon facer na cancha e animan a todos os lugueses a acudir mañá o partido que xogan no pavillón municipal ás 8 do serán.

Noticias web

06/03/2020