CRTVG

Buscar

Aumentan a 5 os positivos na Terra Chá e 50 persoas da contorna están illadas

Publicado o 11/08/2020 15:45

• Son persoas de diferentes nacionalidades que levan tempo traballando vindo de xornaleiros a Galicia

• Na área de Vigo hai tres novas repuntas, e na de Ferrol, cinco policías locais en corentena

• Un dos gromos da Coruña afecta unha empresa da lonxa

Os veciños de Castro Ribieras de Lea están moi pendentes da evolución do gromo de coronavirus detectado entre algúns dos xornaleiros dunha empresa con invernadorios en Cospeito e Begonte.
Xa son 5 os positivos. Na contorna hai unhas 50 persoas confinadas.

Trátase de xornaleiros que chegaron para traballar na campaña de recollida de froitos vermellos e que se hospedan nesta localidade chairega. O risco de contaxio entre persoas que conviven e traballan xuntas é elevado.

En Chantada notificáronse tres contaxios e hai unha vintena de persoas confinadas por precaución.

Na área sanitaria de Vigo detectáronse tres novas repuntas, ningún caso grave e todos en corentena nos seus domicilios. Sete persoas contaxiáronse nunha xuntanza de amigos en Gondomar. Este é o que máis preocupa.

Esta situación obrigou a cancelar as visitas e saídas nunha residencia de maiores e outra de persoas con discapacidade. 

A Policía Local recibiu ordes de vixiar o cumprimento estrito do uso de máscara e outras medidas de prevención.

O segundo gromo da área de Vigo é importado, son catro mozos que vixaron xuntos a outra comunidade autónoma. E o terceiro son un matrimonio e o seu fillo en Salvaterra.

En Ourense unha muller de 82 anos chegada de Venezuela deu positivo. Os rastrexos entre os contactos permitiron diagnosticar tres novos casos no contorno familiar. Tamén en Ourense, nas últimas horas detectouse outra repunta en tres persoas da mesma familia.

Na área sanitaria de Ferrol, cinco policías locais están en corentena, xa que un deles estivo en contacto cunha persoa positivo en coronavirus.