CRTVG

Buscar

Tres niveis de restricións e desprazamentos en función de áreas e concellos

Publicado o 24/02/2021 15:18

• Resolvemos as principais dúbidas en relación coa mobilidade a partir do venres

O certo é que os cambios que entran en vigor na medianoite do xoves ao venres van devolver a mobilidade á maior parte dos concellos galegos, pero debuxará un mapa con distintas opcións segundo nos atopemos. Isto pode xerar algunhas dúbidas, sobre todo no que respecta á mobilidade.

Podo ir de Guitiriz a Curtis ver a miña nai?

Non. Aínda que os dous concellos están no mesmo nivel e mesmo son lindeiros, seguen en restricións máximas, polo que teñen un peche perimetral individual. Nos municipios en nivel 1, marcados en vermello, non se pode entrar nin saír sen causa xustificada.

Poderei desprazarme da Pontenova a Oia?

Si. Son dous concellos no mesmo nivel de restricións, o 2. Aínda que pertencen a áreas sanitarias e mesmo provincias diferentes, si nos podemos desprazar entre eles.

Vivo en Ferrol, podo desprazarme ata A Coruña?

Non, a diferenza co caso anterior está nos perímetros que imperan nas áreas sanitarias da Coruña, Ferrol e Pontevedra. Os veciños de todos os concellos destas tres zonas non poden pasar os seus límites respectivos, só moverse pola súa propia área entre municipios que estean ao seu mesmo nivel. Do mesmo xeito, tampouco se pode ir a ningunha desas tres áreas desde un concello que estea fóra delas, independentemente do nivel en que estea.

Podo ir comer a Lugo se son de Arzúa?

Non. Neste caso son concellos que se atopan en niveis de restricións diferentes. Arzúa atópase no nivel 2 e Lugo está no nivel 3, así que o desprazamento non está permitido.

Podo desprazarme dende Lugo ata Ourense? 

Si. As dúas capitais están no mesmo nivel, neste caso o 3, o de restricións máis baixas, polo que a mobilidade entre elas si está permitida.

 

Noticias web

24/02/2021