CRTVG

Buscar

Catro falecidos en Lugo achegan ao centenar a cifra de mortos de coronavirus en Galicia no último mes e medio

Publicado o 20/09/2020 19:46

• Galicia rexistra un total de 4.350 casos activos, que descenden na Coruña e Lugo e soben no resto das áreas sanitarias | A día de hoxe hai 16.758 pacientes curados na comunidade galega

A Xunta intervén unha residencia en Culleredo

Segundo os últimos datos, son catro as persoas falecidas en Galicia este domingo por coronavirus. As catro corresponden á área saniaria de Lugo.  Pola mañá, o Sergas notificaba a morte no Hospital Lucus Augusti dun varón de 96 anos e unha muller de 85 anos, con patoloxías previas. A terceira falecida foi unha muller de 86 anos, ocorreu na residencia DomusVi de Outeiro de Rei.

Pola tarde informouse doutra finada, unha muller de 85 anos que estaba ingresada no HULA, que tiña patoloxías previas e tamén procedía da residencia de maiores de Outeiro de Rei. 

Con estas son xa 716 falecementos, dos que 97 se produciron a partir do sete de agosto.

O número de casos activos en Galicia de coronavirus é de 4.350, e os novos casos descenden respecto a dias anteriores, detectándose só 221 novos infectados, que por áreas sanitarias corresponden a:

· A Coruña: 1.178 (-45)

· Lugo: 726 (-18)

· Pontevedra: 658 (+7)

· Santiago: 637 (+11)

· Ourense: 527 (+18)

· Vigo: 440 (+9)

· Ferrol: 184 (+3)

Do total de pacientes positivos, 29 están na UCI, 207 en unidades de hospitalización e os restantes 4.114 en seguimento domiciliario.

Polo de agora, en Galicia, hai un total de 16.768 persoas curadas e o número de probas PCR realizadas é de 426.934.

O número de casos vinculados con centros residenciais en Galicia é de 400 persoas, 287 usuarios e 113 profesionais. 

En canto á situación nas principais residencias, nas últimas horas detectáronse 21 usuarios positivos nun novo centro de Culleredo, a residencia El Pinar, onde tamén tamén hai sete traballadores infectados. Outro xeriátrico da área da Coruña incorpórase a lista de centros con casos activos entre os seus usuarios.

É a residencia Ballesol de Oleiros, onde deron positivo outros 6 anciáns. Tamén na residencia das Salinas de Ourense se rexistrou un caso. No resto mantense a situación dos usuarios, e entre os traballadores hai dous novos positivos en Outeiro de Rei e outro na residencia Ricardo Baró de Oleiros.