CRTVG

Buscar

O Sergas fará un cuarto cribado na residencia do Incio onde seguen aumentando os contaxios

Publicado o 04/09/2020 20:23

Entre usuarios e traballadores, nas residencias de Galicia hai 226 infectados pola covid-19. Pero a situación máis preocupante é a da residencia do Incio, onde xa morreron 12 maiores. Tres faleceron nas últimas horas no hospital de Lugo. Tiñan entre 59 e 88 anos e sufrían patoloxías previas. Pero o Sergas vai realizar un cuarto cribado no centro porque segue habendo contaxios. Detectaron outros tres positivos en empregados o que eleva o total de contaxiados a 34 traballadores e 84 usuarios.

Tamén aumentan os contaxios na residencia DomusVi Lugo, situada en Outeiro de Rei. Catro novos positivos, o de tres empregados e un usuario, elevan a 51 as persoas infectadas.

A boa noticia chega da residencia da Milagrosa, onde o cribado non detectou ningún positivo. Está no barrio da capital lucense convertido en epicentro do maior gromo de toda a área sanitaria, con 278 casos activos dos 300 que hai en toda a cidade.

Porque en Lugo seguen detectándose casos, pero empezan a acoutarse as cadeas de transmisión. Isto significa que os novos contaxios están relacionados cos xa diagnosticados e polo tanto a maioría gardaba corentena.


O cribado ao persoal de hostalería do barrio da Milagrosa rematou sen que se detectasen casos positivos.



Noticias web

04/09/2020