CRTVG

Buscar

Tres días de loito en Curtis pola familia intoxicada cun xerador eléctrico

Publicado o 23/12/2019 18:26

O Concello de Curtis decretou este luns tres días de loito pola morte dunha familia en Fisteus. As autopsias confirmaron que a parella de anciáns mailo seu fillo morreron debido a unha intoxicación con monóxido de carbono. O culpable: un xerador de electricidade que acenderon no soto da casa cando se foi a luz.

Javier Caínzos, alcalde de Curtis, asegura que houbo un corte de subministración o sábado ás 8 da noite e puxeron en funcionamento ese dispositivo eléctrico, houbo acumulación de gases.

"É unha situación da que moitas veces non somos conscientes e o efecto é letal".

Un veciño asegurou que falara co irmán ás dez da noite e que lle dixera que ía apagar o grupo. O irmán respondeulle que abrise as ventás.

"Xa non lle debeu dar tempo a chegar ás ventás e el foi morrer abaixo no soto", afirma o veciño.

Foi o outro fillo da parella que vivía na Coruña o que atopou os corpos. O accidente vívese en Curtis como unha perda enorme. A familia era moi querida en todo o concello.

"Estamos consternados. El estudou comigo. É o que hai. Non hai outra solución"."Moi afectados. este foi un trago moi grande para nós aquí e era unha xente á que todo o mundo quería".

O alcalde de Curtis aseverou que foi un día de moita dor.

"Toca arroupar a familia, axudarlles e acompañalos neste día de tanta dor", dixo.

Manuel, Lola e seu fillo Amable serán velados no tanatorio de Curtis ata as catro da tarde deste martes. A esta hora trasladarán os seus restos ata a parroquia de Santa María de Fisteus para oficiar o funeral ás catro e media da tarde.

Noticias web

23/12/2019