CRTVG

Buscar

Tres detidos pola malleira mortal a un mozo de 33 anos en Oviedo

Publicado o 18/06/2019 10:39
Tres detidos pola malleira mortal a un mozo de 33 anos en Oviedo

A Policía Nacional detivo tres mozos de entre 18 e 23 anos como presuntos autores da brutal malleira a un home de 33 durante as festas do barrio ovetense da Florida na madrugada do pasado martes e que onte acabou coa súa vida. Os tres mozos, de nacionalidade española e que foron detidos onte á noite, atópanse nos calabozos á espera de prestar declaración ante os axentes, segundo informaron a Efe fontes da Xefatura Superior de Policía de Asturias.

A vítima, David Carragal, faleceu á primeira hora da tarde de onte, luns, no Hospital Universitario Central de Asturias (HUCA), onde permanecía en estado crítico desde que sufriu a agresión na madrugada do pasado martes.

Segundo testemuñas presenciais, a vítima foi abordada por varios mozos que lle pediron tabaco e, tras sinalarlles que non tiña, propináronlle unha malleira que lle causou un traumatismo cranioencefálico. As mesmas fontes apuntaron que a colaboración cidadá contribuíu á identificación e detención dos tres mozos como presuntos autores desta agresión mortal, aínda que precisaron que as dilixencias de investigación seguen abertas.