CRTVG

Buscar

Tres denuncias volven poñer sobre a mesa as carreiras ilegais en Lugo

Publicado o 30/09/2019 14:36

As concentracións celébranse habitualmente as fins de semana nestas pistas do polígono das Gándaras, unha zona industrial con partes aínda sen desenvolver de todo; son zonas máis discretas onde este tipo de actividades ilegais pasaría máis inadvertida. Con todo, os afeccionados ao mundo do motor saben delas. E a policía tamén. De feito, este venres xuntáronse aquí uns 25 vehículos e a policía municipal sorprendeu e denunciou tres condutores por circular de forma neglixente.

Tamén a noite do venres, paralelamente, celebrouse outra kedada de vehículos convocada polas redes sociais e na que se xuntaron 130 coches no aparcadoiro do pazo universitario. Houbo un operativo especial da Policía Local de Lugo para garantir a seguridade.

Un dos condutores que participaron foi Diego, un apaixonado do motor. Polas súas mans pasaron 50 coches e leva un cambio de marchas tatuado no seu antebrazo.

Con todo, a policía identificou o probable organizador da kedada e precintaron e trasladaron o seu vehículo ao depósito municipal, xa que había sobre el unha orde de busca e captura por unha requisitoria da Seguridade Social.

Ademais, a policía tamén levantou acta da kedada, xa que, presuntamente, infrinxe a Lei de espectáculos públicos de Galicia.

Noticias web

30/09/2019