CRTVG

Buscar

Detéctanse tres casos importados nos concellos de Melide e Arzúa

Publicado o 21/07/2020 14:44

As tres persoas que deron positivo por covid-19 residentes entre Melide e Arzúa están illadas con seguimento domiciliario. Constitúen un caso importado. O primeiro diagnosticado estivo en Cataluña. Os tres teñen vínculos familiares, o cal pon de manifesto a importancia de ser coidadosos mesmo cos contactos máis próximos. Non se pode esquecer que hai que ser coidadosos tamén no ámbito familiar.

"Procuramos manter as distancias, cada un na súa cama, non entrar nos cuartos doutros, para comer non xuntarnos tanto...", din os veciños.

Sanidade realizou o rastrexo dos contactos destas tres persoas e non se detectou ningún contaxio máis. Por esa razón, de momento considérase cortada a transmisións do coronavirus.

Na Mariña continúa a evolución positiva. En Burela confían en que o comité clínico decida mañá levantar as restricións de movementos no concello.

Sen novos positivos, Betanzos estabilízase nos dez casos e Vilalba en seis. Pontevedra rexistra 27 positivos, a maioría na área de Vigo. En Ourense a situación mantense estable con cinco positivos.

 

Noticias web

21/07/2020