CRTVG

Buscar

Tres cans atacan unha peregrina holandesa en Triacastela

Publicado o 21/05/2019 15:19

Unha peregrina holandesa quedou ferida nunha perna ao ser atacada polos cans dun veciño do albergue onde se aloxa. O ataque produciuse na Balsa, en Triacastela, cando a moza paseaba pola vía pública. Segundo relata, dous mastíns e un can de caza perseguírona ata trabala no papo da perna.

Celine Schyns, vítima do ataque: "Fun dar un paseo aquí á beira e topeime, nun camiño público, con tres cans moi agresivos. Volvín para a casa a correr e trabáronme no pantalón e nunha bolsa. Corrín un quilómetro ata aquí e no Camiño de Santiago mordéronme na perna".

Jessica Moro, dona do albergue: "Sempre lle dicimos á xente que non vaian por aí porque hai cans perigosos pola rúa. Pero ela confundiuse e foi por aí e topouse con estes tres cans, que a perseguiron por todo o camiño e a atacaron no cu e nunha perna, onde lle morderon moi forte no papo. Perseguírona case un quilómetros, ladrándolle e atacándoa. Tivemos que ir ao hospital, onde a curaron, e chamamos a policía".

Segundo denuncia a dona do albergue onde exerce de voluntaria a vítima destes feitos, unha semana antes os mesmos cans xa atacaran outro peregrino. Aínda que xa dera parte á Garda Civil, quéixase de que os animais seguen ceibos.

Jessica Moro, dona do albergue: "O que nos incomoda moito é que cremos que a policía non fai o seu traballo. A última vez que chamei, estaba moi alterada. Morderan a Celine, pola que estaba moi preocupada, e xa chamara unha semana antes. Eu estaba moi enfadada cando chamei de novo, porque non fixeran nada e agora tiñamos outra moza cunha mordedura. Dixéronme que me habían colgar o teléfono se non me calmaba e acabaron colgándome. Isto é moi grave".

Por este tramo do Camiño Francés onde se produciu o ataque dos cans pasan cada día centos de peregrinos.

Noticias web

21/05/2019