CRTVG

Buscar

Tres barranquistas navarros mortos e un vasco desaparecido en Suíza

Publicado o 13/08/2020 15:55
Tres barranquistas navarros mortos e un vasco desaparecido en Suíza

Embalse de Gigerwald de Vaettis, preto da zona do accidente.

Tres barranquistas navarros faleceron e un cuarto, nacido en Bilbao, está desaparecido tras sufrir un accidente cando practicaban este deporte nas gargantas de Parlitobel, no cantón suízo de San Galo, segundo informaron a Efe fontes da delegación do Goberno en Navarra.

Segundo as fontes, os catro formaban parte dun grupo de seis persoas. Cando ocorreu o accidente, dúas persoas do grupo -as dúas mulleres- estaban no hotel.

Os catro, todos homes, víronse sorprendidos este mércores por unha forte tormenta que os arrastrou, informou a policía cantonal, que xa atopou os tres cadáveres na noite do mércores, tal e como se recolle na web oficial do cantón.

O ministerio de Exteriores confirmou o "accidente de montaña" e precisou que os servizos consultares españois están a tentar contactar coas familias dos afectados para informarlas do ocorrido. Os servizos de socorro traballan na zona do sinistro, acordoada pola policía, desde a tarde do mércores, aínda que as operacións de salvamento foron interrompidas durante a noite.

A axencia suíza ATS sinalou que os turistas facían barranquismo sen guía e viaxaban pola súa conta na zona, moi frecuentada polos amantes do deporte.